16 may 2012

Bolsa de emprego do Festival Celta

O Concello de Ortigueira convoca, por segundo ano consecutivo, unha bolsa de emprego para persoas que estean interesadas en traballar no desenvolvemento do próximo Festival do Mundo Celta que se celebrará do 12 ao 15 de xullo. Trátase de dispor dunha listaxe de recursos humanos coa finalidade de facilitar ás empresas privadas que prestan servizos durante o evento, a cobertura transitoria de determinadas necesidades de persoal. Veciños/as en situación de desemprego, sempre maiores de idade, son os destinatarios desta bolsa que define, ata catro perfís profesionais demandados polas compañías que prestan servizo no certame folk. Así, tras analizar as distintas áreas funcionais do festival, a bolsa establece os seguintes grupos laborais: hostalería en todas as súas variantes (barras de bebidas, restauración, postos ambulantes de comida...); limpeza en vía pública e mantemento de zonas de aseo; auxiliares diversos (control de dependencias, aparcadoiros, carga e descarga...) e persoal sen cualificación definida para labores xerais. Os interesados/as deberán entregar ata o 15 de xuño, no Rexistro municipal, fotocopia do DNI, documento acreditativo de estar inscrito no Servizo Público de Emprego e documentación que acredite experiencia ou algún tipo de méritos para o perfil profesional ao que se presenta. A creación desta bolsa de emprego foi un compromiso coa cidadanía do alcalde Rafael Girón. Coa proposta, preténdese que, nun contexto económico tan complicado como o actual, os veciños aproveiten ao máximo as oportunidades económicas que presenta para Ortigueira e a súa comarca o evento musical, declarado festa de interese turístico internacional.

No hay comentarios: