5 ene 2011

Aclaracións de Lois Armada

Según leemos nalgún comentario, no post anterior a este Lois Armada Pita tentou facer unha aclaración o mesmo que non acababa de publicarse. Por si algún ten duda de que iso fose intencionado, reproducimos textualmente o texto aclarativo de Lois Armada tal como figura na web do PSOE. Para outras ocasión recordarlles os nosos lectores que non solo poden aportar información ou aclarar a mesma por comentario, o poden facer o noso email aguillons@gmail.com. O texto e o seguinte:
O Diario de Ferrol, o pasado domingo 2 de xaneiro, recolle unhas declaracións do PP de Cariño onde se critica a recente publicación de dous libros por parte da institución municipal. Entre outras afirmacións, dise alí o seguinte: “critican al alcalde por promocionar profesionalmente con la publicación de este libro a un miembro de su familia”. Esta mesma acusación, que entendo refírese ó traballo “Novas aportacións á arqueoloxía do Ortegal” publicado no libro Patrimonio e Desenvolvemento Local: reflexións e iniciativas no Concello de Cariño, reprodúcese hoxe nun blog de internet. Ante tal despropósito, véxome na obriga de aclarar que participei nas I Xornadas de Patrimonio e Desenvolvemento Local, coa conferencia “Novas aportacións á arqueoloxía da comarca do Ortegal”, impartida en Cariño o venres 30 de xullo de 2004. Quizais conveña subliñar aquí que, dende hai uns 15 anos, veño impartindo conferencias sobre temas de arqueoloxía e patrimonio cultural en localidades como Viveiro, Ordes, As Pontes, Cambre, Cedeira, Ferrol ou Pontevedra, convidado por concellos, universidades, asociacións culturais, etc. Tamén, por certo, no veciño Concello de Ortigueira, onde levo impartidas catro conferencias; dúas delas por invitación da Fundación Ortegalia, os días 15 de outubro de 2004 e 21 de outubro de 2005. ¿Debo, así as cousas, renunciar a impartir unha conferencia no meu pobo natal? Resposten vostedes mesmos.
Transcorridas as xornadas, o Concello de Cariño decide publicar os contidos das mesmas e solicita ós participantes unha contribución para un libro de actas. Eu preparo para elo un traballo, en coautoría cun compañeiro de profesión co que colaboro asiduamente. Podo asegurar que tódolos participantes no libro recibimos as mesmas indicacións sobre o formato, extensión, etc. dos nosos respectivos orixinais. Engado algo máis. Dende hai once anos adícome profesionalmente á investigación no ámbito da arqueoloxía, primeiro na Universidade da Coruña, despois na Universidade de Durham (Inglaterra) e actualmente no Consello Superior de Investigacións Científicas. Son autor de máis de 90 publicacións, entre libros, artigos en revistas científicas, reseñas, textos divulgativos, etc. Algúns destes traballos teñen aparecido -ou están a piques de aparecer- nas principais revistas arqueolóxicas e editoriais académicas de ámbito internacional. Boa parte desta producción, ademais, é de acceso aberto e pode descargarse de xeito gratuito en páxinas como digital.csic.es ou csic.academia.edu/XoseLoisArmada. Quero dicir con todo isto que afortunadamente non preciso ó Concello de Cariño, nin a ningún outro, para “promocionarme profesionalmente”. O único que fixen foi tentar contribuir modestamente -e sen percibir remuneración algunha- á divulgación da arqueoloxía da miña comarca. Lamento que ós dirixentes do PP cariñés lles moleste. Eu teño claro que nunca tería feito unha crítica deste tipo: eu non aplico o todo vale, nin en política nin na vida en xeral. Remato con dúas consideracións máis. A primeira é que detesto falar de mín mesmo, e se o fixen nesta ocasión foi obrigado polas circunstancias. A segunda é que, ó longo da miña vida, levo posto un énfase especial -por razóns de ética persoal- en non obter privilexio algún do Concello de Cariño. As persoas que me coñecen saben perfectamente que ambas cousas son certas. Nada máis. Agardo que estas liñas resulten aclaratorias para as persoas interesadas. Non teño intención de manter polémica algunha sobre esta cuestión.

Martes, 4 de xaneiro de 2011.

Asdo. Lois Armada Pita